lunes, 12 de abril de 2021

A maxia da fraga

Comezamos un novo proxecto: A maxia da fraga. Unha nova aventura ambientada nos bosques de Galicia. Todo empezou cunha lenda que chegou aos nosos oídos e un trasno que nos trouxo a súa apócema para axudarnos na difícil misión encomendada...


Hai moitos anos os habitantes da nosa terra vivían plenamente felices en harmonía coa natureza. O bosque era a súa casa. O ceo era o seu tellado. A terra era a alfombra na que crecían día a día. A maxia do bosque facía que todos os seres que o habitaban gozasen da contorna en que transcorrían os seus días.

Hai non moito tempo que ocorreu algo estraño, que perturbou por completo aquel clima de benestar e harmonía que dominaba a fraga. Uns seres estraños comezaron a poñer patas para arriba as leis máis auténticas da fraga, facendo poñer en perigo o seu futuro, destruíndo os pactos máis sacros que durante tantas xeracións mantiveran vivo o espírito da fraga.

Menos mal que aínda quedaban fieis a ese espírito uns pequenos trasnos, que conseguiran escapar da maldición e as trampas que trouxeran ao corazón de Galicia aqueles estraños seres. Eran os únicos capaces aínda de salvar o espírito da fraga e recuperar a esencia da nosa terra.

O destino quixo que durante as próximas semanas ti sexas un deses trasnos. A túa misión será a de recuperar o espírito e a maxia da fraga, para facer de novo da nosa terra, Galicia, o lugar que un día puxeron nas nosas mans todos os deuses do planeta. O seu futuro está nas túas mans.

Moita atención durante estas próximas semanas aos retos e tarefas que irán aparecendo diante de ti. A maxia da fraga está nas túas mans. En cada proba do camiño poderás ir conseguindo novas moedas da fraga. Se consegues xunto cos teus compañeiros 10.000 desas moedas conseguiriades manter o espírito da fraga en Galicia para toda a eternidade, e seredes herdeiros brillantes do legado dos vosos antepasados.