martes, 9 de abril de 2019

A maxia da fraga

Comezamos hoxe o terceiro proxecto de traballo deste curso, que leva por título "A maxia da fraga". Hoxe en clase atopámonos cun escenario novo, a clase convertida nun frondoso bosque galego, con multitude de trasnos e personaxes poboándoo.

E para cada un de nós un pergamiño cunha lenda, que nos convertía en trasnos cun importante reto para levar adiante neste proxecto. O espírito orixinal do bosque galego está a perderse, por culpa duns estraños seres que chegaron a el. Debemos atopalos e recuperar o espírito orixinal do bosque.

Necesitamos para iso conseguir 10.000 moedas. Desta maneira o bosque recuperará a súa maxia para a eternidade.

No medio de toda esta aventura tocaranos aprender unha chea de cousas sobre a paisaxe, o clima e a organización social de Galicia.

   Hai moitos anos os habitantes da nosa terra vivían plenamente felices en harmonía coa natureza. O bosque era a súa casa. O ceo era o seu tellado. A terra era a alfombra na que crecían día a día. A maxia do bosque facía que todos os seres que o habitaban gozasen da contorna en que transcorrían os seus días. 
   Hai non moito tempo que ocorreu algo estraño, que perturbou por completo aquel clima de benestar e harmonía que dominaba a fraga. Uns seres estraños comezaron a poñer patas para arriba as leis máis auténticas da fraga, facendo poñer en perigo o seu futuro, destruíndo os pactos máis sacros que durante tantas xeracións mantiveran vivo o espírito da fraga. 
   Menos mal que aínda quedaban fieis a ese espírito uns pequenos trasnos, que conseguiran escapar da maldición e as trampas que trouxeran ao corazón de Galicia aqueles estraños seres. Eran os únicos capaces aínda de salvar o espírito da fraga e recuperar a esencia da nosa terra. O destino quixo que durante as próximas semanas ti sexas un deses trasnos. 
   A túa misión será a de recuperar o espírito e a maxia da fraga, para facer de novo da nosa terra, Galicia, o lugar que un día puxeron nas nosas mans todos os deuses do planeta. O seu futuro está nas túas mans. Moita atención durante estas próximas semanas aos retos e tarefas que irán aparecendo diante de ti. 
   A maxia da fraga está nas túas mans. En cada proba do camiño poderás ir conseguindo novas moedas da fraga. Se consegues xunto cos teus compañeiros 10.000 desas moedas conseguiriades manter o espírito da fraga en Galicia para toda a eternidade, e seredes herdeiros brillantes do legado dos vosos antepasados. 
   Adiante… e moita sorte!